miércoles, 20 de mayo de 2015

Cronica

A ruta deste pasado domingo é unha mostra desas ocasións en onde as cousas non son como comezan senón como acaban e acabou nunha fermosa e amena xornada de sendeirismo.

Non prometía este final cando chegamos a Ferreira baixo un manto de néboa e vemos que temos xefe novo inexperto, autobús “extra” cómodo con nova condutora e nada máis partir nos desexan “moita sorte” como se a fósemos a necesitar ----.

Iniciamos a viaxe ata o Cádavo onde paramos a tomar o café; un café máis longo do habitual pero cando non hai man dura xa se sabe …., alí xa puidemos comprobar que o día ia estar despexado e con boa temperatura, a predición meteorolóxica non fallaba.

Só nos quedaba outro tramo de autobús para chegar á aldea do Couso onde iniciaríamos o noso percorrido a pé. Despois da foto de grupo xa nos podíamos poñer en marcha, estábamos no punto máis alto da ruta dende onde se apreciaba parte da serra dos Ancares, a paraxe era fermosa e alá fomos, con paso miúdo ….

Comezamos a baixar por camiños e corredoiras ata chegar a outra aldea onde dous habitantes de lugar decidiron facer a ruta con nós, eses amigos que fixemos seguíronnos ata o final, parecía que gozaban sendo os guías do grupo, eu cheguei a pensar que alguén lles dixera que íamos con un guía novato ….

De aí ata o río foi unha bonita andaina na que tivemos ocasión de disfrutar de antigos camiños de carro romanos, vexetación autóctona (castiñeiros, carballos, nogueiras, …), ouriceiras, vellas minicentrais eléctricas,….

O tramo ó son do río convértese nun agradable paseo á sombra onde se pode disfrutar da fraga, pequenas cascadas, auga cristalina que invita a un baño, obras de enxeñería sinxelas pero resistentes que nos permiten cruzar sen mollar os pés, … Pero non todo ia ser baixar así que tamén tocou algo de subida que nos conduciría a novas aldeas e máis tarde ó miradoiro de Sevane onde poder apreciar toda a beleza destas montañas, un punto onde os amantes dos paxaros, outro tipo de fauna e vexetación poden atopar diversas especies autóctonas dificilmente visibles noutras paraxes.

Seguimos a nosa ruta pois aínda nos quedaba volver a baixar de novo á beira do río para seguir admirando a súa fermosura; a ruta estaba moi ben sinalizada o que permitía deternos a contemplar os castiñeiros centenarios, a vexetación, sacar fotos para o recordo,… e todo isto sen perder de vista ó resto do grupo. Un último esforzo en forma de subida para alcanzar outra pequena aldea, un novo mirador e xa se vislumbraba o final da ruta …. O murmuio das augas do río indicábannos que xa quedaba pouco e facíannos sacar folgos para percorrer este derradeiro tramo ata chegar a Cabana, onde nos esperaba o autobús. Chegados a este punto tivemos que despedirnos dos nosos amigos, unha mágoa pero seguro que, sen tardar, acompañarán a outro grupo de sendeiristas por eses montes que coñecen tan ben.

E como todo esforzo debe ter a súa recompensa dirixímonos a Navia, con sede e fame, aínda que de sempre é sabido que primeiro hai que satisfacer a sede … Na comida non nos faltou de nada, comida de mantel coma nas grandes ocasións á sombra dunhas figueiras co río de novo como acompañante.

Os domingos son sempre de longas sobremesas polo que non podíamos marchar sen un café ou/e licor que para as presas xa está o resto da semana (non debo estenderme máis nos detalles deste final de ruta por se non nos deixan volver sos)

Foi un pracer compartir a ruta con vós, ata a próxima.

Belén

No hay comentarios:

Publicar un comentario